A internista Silvia Pérez, nova directora de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Vigo

A xefa de sección da Unidade de Pacientes Crónicos e Pluripatolóxicos do servizo de Medicina Interna, Silvia Pérez Fernández, incorporouse hoxe, con carácter provisional, ao equipo directivo da Área Sanitaria de Vigo como directora de Atención Hospitalaria. A nova directiva vén a substituír á doutora Rosa Martínez Rolán, que cesou no seu cargo a petición propia.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela é facultativo especialista en Medicina Interna. A maior parte da súa traxectoria profesional está vinculada ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, traballando no hospital Xeral-Cíes, no hospital Nicolás Peña e posteriormente, e ata a data, no hospital Álvaro Cunqueiro. Entre medias tamén desenvolveu o seu labor profesional no Hospital Comarcal do Salnés, onde ocupou o posto de xefa de sección de Medicina Interna.

Na súa formación conta con diversos cursos e másters clínicos, amosando un especial interese polas áreas de atención a pacientes crónicos e pluripatolóxicos e ás vinculadas con temas éticos. A maiores, conta con outros másters relacionados coa administración e dirección de servizos sanitarios, como o de Xestión Clínica, Dirección Médica y Asistencial pola Universidade CEU.

Hai que destacar tamén o seu labor no ámbito da docencia, sendo titora na formación dos médicos residentes no hospital Álvaro Cunqueiro.