Sin categoría

O PP de Nigrán denuncia a actual situación da obra de reforma de Otero Pedrayo

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a caótica situación na que se atopa actualmente a obra de reforma da rúa Otero Pedrayo, a cal segue acumulando tempo de atraso sobre as previsións iniciais ante a desesperación dos veciños e veciñas da zona. Os populares lembran que o proxecto de reforma do viario comezou a finais do mes de agosto de 2022, coa correspondente sesión de fotos ante os medios de comunicación por parte da corporación socialista, que anunciou un prazo para a finalización da mesma de oito meses. “Unha vez feito o anuncio, e como tristemente vén sendo habitual en numerosos proxectos e actuacións levados a cabo desde o Concello de Nigrán, a supervisión do proxecto foi nefasta: escaso persoal da empresa concesionaria traballando, atraso constante nos prazos, paralizacións puntuais dos traballos, anuncios de aperturas parciais do viario aínda cos traballos incompletos, etc”.

Ante este cúmulo de despropósitos, desde o Grupo Municipal Popular pedíronse explicacións de maneira constante ao Alcalde Juan González durante os plenos ordinarios, obtendo unicamente evasivas por parte do rexedor, o cal se veu escusando en factores externos como a aparición de amianto ou as choivas de inverno (isto último algo polo visto imprevisible en Galicia), atrasando constantemente a data de finalización da obra (Nadal de 2022, abril, xuño e agora finais de outubro). Esta situación tornouse especialmente insostible para os veciños da zona, os cales seguen soportando as molestias derivadas da obra (po, ruídos, restricións de mobilidade, etc) sen obter solucións ou prazos concretos. Para máis inri, a obra leva máis de dúas semanas parada sen ningún tipo de explicación por parte do goberno municipal.

Pino lembra que esta obra está cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, que achega 900.000 euros dos case 1,4 millóns totais a través dun convenio, o cal, como recoñeceu o propio alcalde Juan González no último pleno municipal, perigaría de non finalizarse a obra antes do 31 de outubro. Desde o Partido Popular de Nigrán esíxense explicacións claras sobre a situación actual da obra por parte do Alcalde Juan González, aclarando os motivos detrás da paralización da obra e fixando unha data realista para a finalización da mesma. Así mesmo, os populares esixen autocrítica por parte dos responsables municipais, denunciando o envío de cartas a veciños da zona por parte do Concello de Nigrán, nas que se responsabiliza aos mesmos do atraso das obras mediante argumentos falaces.