“Xa nos coñecedes, sabedes como gobernamos e así seguiremos”

O socialista Juan A. González continuará sendo o alcalde de Nigrán outros catro anos máis tras ser investido este sábado cos votos a favor dos trece concelleiros electos do PSOE. Diego Moreira, como concelleiro máis novo, foi o encargado de entregarlle o bastón de mando tras a toma de posesión de todos os representantes da corporación.

González recoñeceu durante a súa intervención que o resultado electoral superou as súas expectativas, polo que “a responsabilidade é enorme”. “Xa nos coñecedes, sabedes como gobernamos e así seguiremos. Tiña un equipo formado por boas persoas ao que sumamos outras boas persoas. Pídolles aos meus concelleiros que non cambien, que sigan sendo como son”.

O único partido que acompañará ao PSOE na corporación municipal de Nigrán durante esta nova lexislatura será o PP, que conseguiu os catro representantes restantes.

Anuncios