Nigrán realizará unha ofrenda floral no “Xardín da Memoria” de Panxón polo 86 aniversario de “A Volta dos Nove”

O Concello de Nigrán conmemorará un ano máis este sábado 14 de outubro o 86 aniversario dos tráxicos asasinatos coñecidos como “A Volta dos Nove”. Así, nun acto aberto á participación da veciñanza e coa presenza de familiares dos represaliados, o alcalde de Nigrán realizará unha ofrenda floral ante o seu monumento no “Xardín da Memoria” de Panxón, espazo inaugurado no 2016 e que consta dunha escultura en pedra con 9 cruces referidas aos nove asasinados e tamén senllas placas que os recorda a eles, as súas mulleres, e a Dolores Samuelle, asasinada por axudar aos “Ineses”.

O Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 esta homenaxe ao suceso que tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños do Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.

O acto de Panxón/Nigrán será sobre as 13:15 horas, unha vez rematada a homenaxe en Baredo que realiza o IEM.