Manifesto Miñor leva a pleno a necesidade urxente do saneamento no Barrio da Pedra en Morgadáns

Segundo as investigacións feitas por Manifesto Miñor, a primeira iniciativa a prol do saneamento no Barrio da Pedra debatida na Corporación Municipal de Gondomar foi levada a pleno por Antonio Araújo en novembro de 1995. Dende esa data até hoxe, entre mocións, rogos, preguntas, iniciativas veciñais, iniciativas diante doutras Administracións, incluso nos tribunais, e tres proxectos técnicos redactados, o concelleiro leva contabilizadas máis de 132 iniciativas, a maioría delas aprobadas por unanimidade ou respondidas positivamente.

“Teño que dicir tamén que foi no período 2007/8, sendo eu mesmo alcalde, cando máis cerca se estivo de acadar ese obxectivo, estando os proxectos redactados e incluso os informes sectoriais aprobados pero, como é sabido por todos, a moción de censura estragou a iniciativa como tantas outras iniciativas”, lembra Araújo, que lamenta que 25 anos despois o Barrio da Pedra segue sen saneamento e a veciñanza que alí vive e sufre a falta deste servizo tan básico comeza a se preguntar que fixeron pra merecer semellante castigo por parte da Administración Municipal, “pois tamén é certo que a ELMM, malia estar situada no barrio, sempre pasou de todo”.

Para Araújo está claro que con estes antecedentes, e sobre todo coa evidencia incuestionable da necesidade desta infraestrutura, non procede insistir no argumentario de por que hai que acometer este proxecto con urxencia. Manifesto Miñor propón á Corporación Municipal incluír no Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra, dentro da liña 1ª segundo as bases publicadas no BOPP do día 2 de xaneiro, as obras necesarias para realizar o saneamento do Barrio da Pedra en Morgadáns, de acordo con calquera dos proxectos redactados.