Sin categoría

Comezan os traballos para dotar á parroquia de Parada dunha senda peonil

En marcha as obras para conquerir a ansiada senda peonil que vertebrará a parroquia de Parada a través da EP-2106. Adxudicadas a Construcciones E.C. Casas, iniciaron esta semana os traballos cun investimento total de 804,151 € dos que o 30% o achega o Concello con fondos propios e o 70% a Deputación Provincial. Tras ampliar a vixencia do convenio ata o 30 de decembro de 2024 no pasado Pleno co voto favorable do goberno e o BNG e a abstención do PP, as obras teñen un prazo de execución de 8 meses.

“O que o PP cualificaba como unha ‘tomadura de pelo’ e unha chapuza do goberno, supoñerá a humanización de todo o centro de Parada e unha mellora absoluta na seguridade viaria e na imaxe da zona”, explica o alcalde, Juan González, sobre este proxecto de 1 quilómetro que discorre desde o cruce da Areíña á contorna da igrexa e que comprende puntos sensibles como o cemiterio, o torreiro, a cancha multideportes ou a propia igrexa. “Isto é moito máis que habilitar unha senda peonil, supoñerá un cambio total na vida do barrio, pavimentando en pedra zonas máis urbanas, cambiando a iluminación e dotando a zona de novo mobiliario”, explica o rexedor, quen incide en que “ao tratarse dunha mellora tan grande e dunha demanda histórica todos os veciños expropiados o fixeron de mutuo acordo”.

En concreto, estes traballos de mellora na EP-2106 A Ramallosa-Parada facilitarán a mobilidade entre A Areíña e a zona central de Parada (cemiterio) coa citada senda peonil, e tamén cunha zona de convivencia con lousas de pedra na contorna da igrexa (espazo que foi humanizado no ano 2018 coa colaboración da Deputación). A senda peonil prevista terá 2,50 metros de ancho e na zona central de Parada a plataforma de convivencia estenderase ao longo de 200 metros, cun pavimento de lousas de pedra. Nela colocarase mobiliario urbano e cambiarase a situación da marquesiña de autobús. Os traballos tamén comprenden o reforzo do firme da calzada nun viario municipal que fai entronque coa estrada provincial así como a recollida das augas pluviais e a mellora de servizos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e o cambio de alumeado. Do mesmo xeito, reinstalarase a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.

“Será un cambio a favor das persoas, transformando a contorna nun espazo amable onde poder pasear con seguridade”, insiste o rexedor, quen aposta por avanzar en posteriores fases cara A Carrasca e San Pedro. Igualmente, destaca que seguirá defendendo que a Deputación acometa o proxecto da senda San Roque (Camos)-Pracíns (Chandebrito), sendo moito máis complexa “por abarcar 4,3 km”.