Sin categoría

A Garda Civil detén a 7 persoas como supostos autores dun delito de tráfico de drogas

O Equipo Territorial da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas do Morrazo dá comezo á fase de explotación da operación “MACO 23”, dirixida polo Xulgado de Instrución número Dous de Marín. Deteñen aos 7 integrantes do grupo asentado na localidade de Bueu, que se dedica á distribución de substancias estupefacientes.

As investigacións iniciáronse mediado o ano 2022, cando os axentes da Garda Civil, froito da análise da información sobre a distribución e subministración de droga, tiveron coñecemento das actividades do grupo investigado. Esta organización tiña dominio absoluto do mercado na localidade de Bueu e arredores.

A explotación da operación deu comezo o pasado día 4, efectuándose rexistros nas localidades de Cangas e Bueu, participando nos mesmos outros compoñentes como o Equipo EBIO de Pontevedra, e o Servizo Cinolóxico da Comandancia.

Durante as referidas actuacións foron intervidos 1500 gramos de cocaína, 1200 gramos de heroína, básculas de precisión, diferentes substancias de corte para a súa elaboración, unha envasadora ao baleiro, móbiles, un turismo, un automóbil e 65.000 € en efectivo.

Dos 7 detidos, 6 deles con antecedentes policiais, a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión dun (o principal dirixente do grupo) e 6 quedaron en liberdade con cargos.