O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, iniciou unha campaña de reforzo da limpeza viaria a través da realización de distintos baldeos e decapados nas zonas peonís tentando actuar nas rúas coa sucidade máis incrustada. Os traballos de limpeza se levarán a cabo coa axuda de maquinaria especializada na limpeza destas características e complementarán os labores habituais realizados nas rúas e prazas da localidade. Esta iniciativa, de carácter extraordinaria tras a tempada estival, arrancou a mediados desta semana e conta coa presenza dun equipo composto por varias persoas que está a traballar co apoio da máquina de baldeo para realizar baldeos e decapados das beirarrúas con equipos de limpeza con auga a presión e outros medios mecánicos, para unha mellor limpeza viaria e a imaxe xeral do estado da localidade. O Concello de Baiona, xa reforzara os servizos básicos de limpeza e baldeo intensivo no municipio durante o verán.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que “estamos a traballar intensamente para dar maior resposta á veciñanza en materia de limpeza e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe de Baiona”. Para iso informa que “dentro deste novo plan de decapado das rúas coa sucidade máis incrustada, xa se está levando a cabo na rúa Marqués de Quintanar dando continuidade por Ramón y Cajal así como polo Casco Vello (Ventura Misa e Praza de Pedro de Castro). Tamén pola rúa Elduayen así como os distintos canellóns que dan acceso a esta céntrica rúa baionesa (rúa Caixa de Aforros Municipal de Vigo, Gondomar, Nigrán, Tomiño e Oia). A maquinaria tamén pasará pola rúa Alférez Barreiro e pola Avenida Julián Valverde en Sabarís”.
E é que segundo lembrou un dos compromisos do alcalde “é mellorar o estado xeral do municipio e a calidade dos servizos básicos que ofrece o Concello aos cidadáns e cidadás, entre os que se inclúe a limpeza viaria. Niso estamos a traballar, empezaron a notarse os resultados pero seguiremos profundando neste labor na que esperamos tamén contar coa necesaria colaboración de toda a cidadanía”. O rexedor baionés tamén solicita “a colaboración do sector da hostalería e da cidadanía en xeral para que as rúas permanezan limpas para o desfrute de todos os veciños e veciñas o máximo tempo posible”. “Unha Vila coas rúas limpas é fundamental para a propia hixiene da mesma e que todos os veciños desfruten do noso municipio nas mellores condicións e tamén para aquelas persoas que nos visitan e vanse cunha boa imaxe da nosa localidade”.
O obxectivo deste reforzo é combater a acción xerada sobre as beirarrúas para iso realízase unha limpeza en profundidade da sucidade incrustada, graxas e sucidades persistentes aos procedementos normais de baldeo e varrido. O equipo utilizado posúe unha impulsión de auga a presión e complétase cun reforzo de produtos desengrasantes.

