Sin categoría

O CPI Arquitecto Palacios e o CEIP Mallón súmanse á XII Xornada de Limpeza Simultánea de Praias

Un total de 24 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI Arquitecto Palacios (Panxón) participaron na XII Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA coa colaboración do Concello de Nigrán. A recollida, desenvolvida na praia da Madorra durante 2 horas, foi dirixida por unha educadora ambiental da asociación ecoloxista, quen previamente lles impartiu unha charla no centro á que asistiu o alcalde, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez.

Entre o lixo recollido polos escolares destaca a gran cantidade de cabichas, seguido de pequenos plásticos e restos de aparellos de pesca e, como máis curioso, unha mesa de camping e dúas táboas de bodyboard. “O que máis lles chamou a atención á rapazada é que o aspecto da praia era de que estaba moi limpa, pero cando te fixas polo miúdo atopas moito lixo, é o habitual”, comentan desde ADEGA.

Paralelamente, o CEIP Mallón organizou tamén con ADEGA unha limpeza de todo o alumnado en Praia América. Este día vén organizándose en toda Galicia desde os últimos 11 anos. Trátase dun día de concienciación ambiental no cal o voluntariado anotado sae aos areais para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos nosos ecosistemas mariños.