
A Fundación María José Jove, “Pensando en Ti”, programa de Radio Galega, Cristina Saavedra, Estrella Galicia e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue recibiron os Premios Solidarios do Grupo Social ONCE en Galicia 2023, durante unha gala celebrada hoxe na Coruña.
Trátase da máxima distinción que o Grupo Social ONCE concede a nivel autonómico, distinguindo a aquelas persoas, empresas, ONG, entidades e organismos da Administración Pública e programas ou traballos de comunicación que destacasen por un labor solidario coincidente cos valores esenciais da Cultura Institucional do Grupo.
Este ano, na gala de entrega, baixo o título “Próxima estación: PORVIR”, preséntanos ao Grupo Social ONCE como un tren cargado de historias de superación que sorprenden, emocionan, ilusionan e fan sorrir. É un tren con maletas cheas de forza e esperanza para afrontar os desafíos e alcanzar as metas. Achéganos á viaxe que ten como destino o porvir do Grupo Social ONCE.
Participaron na gala Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE; Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Xuventude; Elena Rivo López, conselleira de Emprego e Igualdade; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo; María Dolores Fernández Galiño, valedora do Pobo; Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Arturo Parrado, director xeral de Inclusión e Begoña Fernández, directora xeral de persoas con discapacidade da Xunta de Galicia, entre outras autoridades.
Recibiron os Premios Solidarios Grupo Social ONCE en Galicia 2023:
Na categoría de Institución, Organización, Entidade, ONG o Premio Solidarios é para a Fundación María José Jove, que se constituíu no ano 2003 tras a morte de María José Jove Santos, falecida inesperadamente en marzo de 2002. A muller que deu pé ao nacemento desta fundación estivo sempre vinculada ao compromiso social, orientado aos colectivos menos favorecidos, no que a infancia constituíu unha das grandes preocupacións da súa vida. Esta fundación foi declarada de Interese Galego en marzo de 2003 pola Xunta de Galicia.
O ano pasado, en 2022, a presidenta desta ONG, Felipa Jove foi distinguida co premio Mecenas Español 2022, un galardón que lle foi entregado pola súa Maxestade a Raíña Dona Sofía. Desenvolve o seu compromiso en favor da infancia e da inclusión social. A Fundación María José Jove traballa en catro ámbitos de actuación, dentro dos cales se enmarcan diferentes proxectos: saúde, educación e formación, lecer e tempo libre saudable e arte.
No apartado de Programa, artigo ou proxecto de comunicación, o galardón é para o programa “Pensando en Ti”, de Radio Galega, que se emite de madrugada todos os días da semana, conducido por un dos presentadores estrela da cadea, Marcial Mouzo. Os oíntes comparten en directo a través do teléfono un espazo de radio no que tamén son partícipes. Son oíntes moi activos que opinan cordialmente, case festivamente, outras veces melancólicamente, de todo tipo de temas.
É de ton acougado, pausado, distendido que é capaz de ofrecer a calor da noite. Ademais, os oíntes tamén comparten as súas experiencias e problemas persoais, contribuíndo así a tecer unha rede de radio oíntes que se converteu nunha gran comunidade de amigos cuxo punto en común é o dial da radio. Co paso dos anos, son unha gran familia, plenamente libre á hora de expresarse e converténdose, ao tempo, nun formidable bálsamo contra a soidade.
O Solidarios para a Persoa Física é para Cristina Saavedra, xornalista galega, presentadora do informativo das 20:00 horas na Sexta que, ademais, ten unha faceta abnegada que se coñece moi pouco e que está vinculada de forma directa coa axuda humanitaria. Desde 2006 pasa sempre as súas vacacións á beira dos máis desfavorecidos. As súas accións solidarias son de índole persoal, pero conseguiu transmitir a súa forza vocacional a todo o que se move ao seu redor, incluído o seu propio medio de comunicación, onde conseguiu desenvolver proxectos de comunicación asociados á solidariedade. Actualmente, está profundamente ligada a Global Humanitaria.
Na categoría de Empresa, o premio é para Estrella Galicia. A cervexeira coruñesa, tras a pandemia, pechou un acordo coa Federación Española de Bancos de Alimentos con diversas accións que emprendeu en todo o territorio nacional. As iniciativas solidarias foron desde achegas de fondos e produtos ata o apoio na difusión de campañas e eventos de sensibilización e recadación.
Por outra banda, a firma galega Hijos de Rivera, a través da súa marca de cervexa sen alcol, Estrella Galicia 0,0, estivo presente nos últimos anos en deportes como o fútbol, baloncesto, Fórmula 1 ou motociclismo. Finalmente, subliñar que Estrella Galicia integrou ao seu grupo empresarial o proxecto social Auara, co que cada botella de auga comprada é unha contribución para facer do mundo un lugar mellor.
O Solidarios na categoría de Estamento da Administración Pública é para a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que cumpre 30 anos, período no que galegos e galegas realizaron máis de tres millóns de doazóns de sangue. Dispoñen de locais de Doazón de sangue nas sete grandes cidades de Galicia, que permanecen abertos máis de 15.000 horas e 10 Unidades Móbiles que percorren máis de 250.000 quilómetros cada ano, realizando máis de 3.100 desprazamentos a 800 localizacións diferentes. A intención é brindar facilidades aos cidadáns no seu lugar de residencia.
A Axencia encárgase de promocionar a participación dos doantes en cada un dos desprazamentos, e realizan as tarefas de difusión de información necesaria para sensibilizar á poboación sobre a importancia de doar sangue de forma regular.
O xurado dos Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2023 estivo formado por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia, Cristina Arias Serna, conselleira Xeral da ONCE, Arturo Parrado Puente, director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Iker Sertucha, vicepresidente de CERMI-Galicia, Marcos Gómez Paz, secretario autonómico de Cruz Vermella, e Carlos Varela Castiñeiras, xornalista do Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.