A nigranesa Soledad García estrea libro contra o abandono de mascotas no Día Mundial dos Animais

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lanzaba este luns unha campaña innovadora e pioneira de concienciación sobre o abandono animal coa obra da escritora nigranesa Soledad García, tras a entrada en vigor o pasado venres 29 de setembro da Lei 7/2023 de protección dos dereitos e benestar dos animais, e así festexar o Día Mundial dos Animais. O rexedor municipal explicou que o libro “Urco, unha historia reciclada” será un instrumento educativo de concienciación dende a infancia sobre os coidados e sentimentos dos animais para evitar o seu abandono e animar á adopción dos animais abandonados de Vigo.

A través da historia real dun can abandonado, as nenas e nenos descubrirán os desafíos e sentimentos de Urco para atopar un novo fogar. O libro difundirase nos colexios con charlas de concienciación e nas clínicas veterinarias. A obra, ilustrada pola artista Ángela Costas, está baseada en materiais reciclados (bolsas de lixo, tapóns, redes de froita e verduras, envases de leite e friame…) demostrando que sempre hai unha segunda oportunidade. “Urco, unha historia reciclada”, como todos os libros que crea García, contén actividades de concienciación para xogar e desfrutar en familia, e animar á adopción dos animais do refuxio municipal da cidade olívica.

Soledad García é autora de seis libros infanto-xuvenís: “Samagostín”, o libro de Samaín, “Dedas”, o álbum ilustrado que medra polo Val de Miñor a través de catro libros con roteiros: “Un paseo por Nigrán”, “Un paseo por Baiona”, “A walk in Baiona”, “Un paseo por Gondomar”, e do poemario sobre a covid “Poemarcovida”. Acadou varios premios literarios no 2022 e 2023. “O camiño de Perséfone” é o seu último poemario ilustrado, premio Manuel María de poesía 2023.