Gondomar presenta unha campaña de sensibilización sobre corresponsabilidade nos coidados no ámbito familiar

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado da tenente de alcalde Nuria Lameiro, presentou esta mañá unha campaña de sensibilización sobre a corresponsabilidade nos coidados no ámbito familiar. Durante os próximos días se repartirán dípticos e carteis informativos desta campaña nos comercios e locais do municipio. A información tamén estará dispoñible nos diferentes edificios e departamentos municipais.

Paco Ferreira destacou que “é fundamental que os homes nos corresponsabilicemos nos coidados dos fillos e das persoas maiores. Estas tarefas non poden seguir recaendo practicamente en exclusiva nas mulleres, que en moitos casos ven frustradas as súas carreiras profesionais por ter que facerse cargo dos coidados dos fillos, ou de persoas dependentes. Nesta loita pola igualdade estaremos sempre ao lado das mulleres, e este tipo de campañas son unha boa ferramenta para acadar unha igualdade real, que debe ser un dos obxectivos de calquera administración”.

Numerosos estudos confirman que a responsabilidade nos coidados no ámbito familiar segue a recaer sobre elas. As estatísticas amosan que un 88% das persoas que piden excedencias laborais por coidado son mulleres. O 94,96% das persoas que non buscan traballo fóra da casa por ter que dedicar o seu tempo aos coidados tamén son mulleres. De cada 20 persoas nesta situación, 19 son mulleres e 1 é un home. Afortunadamente, esta realidade está a cambiar e cada vez son máis os homes que se suman e son corresponsables. Mais non é suficiente.

Está na túa man reverter a situación porque coidar tamén é querer e ser corresponsable axudar a mellorar a túa vida familiar e persoal, equilibrándoa.