O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental e o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xornada que se celebra co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas. Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña, Saúde Mental”.
O vindeiro xoves, 5 de outubro, ambas as dúas entidades colaborarán na organización dunha actividade consistente nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicará “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema “Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal” desde a Concellería de Política Social e a asociación trataranse tips sobre saúde mental. A misión é a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo será na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta.
Baiona pode presumir de ser a primeira localidade que impediu un ataque do pirata Drake. O vindeiro domingo, día 8, cúmprense precisamente 438 anos desta xesta. O día en que os baioneses frustraron o asalto do temido corsario inglés á fortaleza de Monterreal. Desde o Concello pensouse ligar este feito cos tips de Saúde Mental e organizar esta actividade, que forma parte do proxecto de Deporturismo Social que recentemente se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía.
A través da nosa contorna envexable quérese contribuír ao coñecemento da nosa historia, a realizar actividade física, sociabilizar e dar pautas para a saúde en xeral, facendo fincapé na mental. A importancia de coidar de nós mesmos.
Pirata Francis Drake e a súa vinculación con Baiona
Isabel I de Inglaterra enviouno a España ao mando de 30 naves con 1.500 homes para frear a creación da Armada Invencible por parte de Felipe II. E decidiu realizar a súa primeira incursión por Baiona, poboación estratéxica que o monarca chegou a denominar “as chaves do meu reino”. Segundo os arquivos históricos, a frota de Francis Drake arribou á praia de Santa Marta a tarde do 7 de outubro de 1585 tras permanecer fondeada nas Illas Cíes. O Conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, reunira a 5.000 homes armados, soldados e veciños, con 200 cabalos ante a ameaza.
Ao día seguinte, o corsario decatouse de que Baiona estaba preparada para a ofensiva e aborta o seu plan. Frustrado, arrasa con lume a capela de Santa Marta, unha das xoias románicas da vila, construída a finais do século XIII. A ermida resultou destruída ata a reconstrución veciñal de 1855, que só puido manter a porta sur, de arco circular e tímpano liso, da súa morfoloxía orixinal. A Real Vila logrou así o primeiro gran fracaso de Drake, que se dirixiu á ría de Vigo, onde volveu atoparse coa resistencia baionesa, que respondeu a unha nova chamada do Conde de Gondomar a socorrer á cidade veciña e fíxolle fracasar de novo. Ata que regresou catro anos máis tarde, mellor dotado con 200 navíos e 7.000 homes, para arrasar, esta vez si, a poboación viguesa.

