Os socialistas denuncian que a falla de reforzo nos buses Vigo-Baiona obriga ao pasaxe a estar máis de 30 minutos de pé

A parlamentaria socialista Leticia Gallego denunciou este mércores as condicións dos buses interurbanos entre Vigo e Baiona, onde a falta de sitio deixa moitos usuarios na parada en horas punta e obriga aos que poden acceder a manterse todo o traxecto de pé. Gallego presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou á conselleira de Infraestruturas que poña buses de reforzo.

A parlamentaria socialista criticou que a única resposta do goberno galego sexa apelar a que a flota dispón de seguro que cubra os danos dos viaxeiros. Sinalou que, por moito seguro que haxa, manterse en pé nos vehículos durante os 30 minutos de traxecto “non dá seguridade” nuns autobuses sen elementos de suxeición para dar estabilidade.

Apuntou que “a solución que ten que poñer a administración autonómica non é que as persoas viaxen de pé, senón reforzar as liñas” con máis vehículos nas horas punta. Lembra que o goberno galego é responsable de garantir o cumprimento das condicións do servizo por parte da empresa concesionaria.

Gallego puxo esta liña como mostra do “caos” no que o goberno galego está a converter este servizo en toda Galicia, con retrasos e reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen aviso, falla de información dos horarios e falla de prazas nos vehículos. Advertiu que “nunca se cumpren os horarios”, con retrasos dunha hora que fan que “os rapaces cheguen tarde ás clases, e os e as traballadoras cheguen tarde ao traballo” sen que o goberno galego reaccione.