Bouzós acusa a Ferreira de enganar aos veciños de Morgadáns ao non licitar o saneamento de A Pedra

O pasado mes de febreiro o Pleno da Corporación de Gondomar aprobou unha modificación de crédito que incluía un importe de 520.740 euros para o saneamento e acondicionamento do barrio de A Pedra, na parroquia de Morgadáns. Polo daquela o alcalde aseguraba que esta obra era moi necesaria e que si ou si íase facer neste ano.

A Pedra é un barrio histórico da parroquia de Morgadáns con un conxunto histórico e patrimonial único no concello de Gondomar que é preciso conservar e coidar, pero que, como acontece noutros moitos barrios do concello, carece de algo tan básico como o saneamento. Os veciños deste barrio levan demandando esta actuación tan importante tanto para acadar un servizo esencial como para a conservación deste conxunto histórico.

“Francisco Ferreira leva prometendo a execución destas obras dende o ano 2015 que foi elixido alcalde de Gondomar, e agora que temos un proxecto aprobado e actualizado, os permisos concedidos e os cartos para levar a cabo as obras, non é capaz de facelo, e ao rematar o ano o acordo queda en nada e sería necesario volver a facer outra modificación de crédito”, afirma Paula Bouzós.

A voceira do Partido Popular acusa ao rexedor gondomareño de mentir aos veciños de Morgadáns por anunciar tantas veces o inicio das obras, pídelle que se deixe de tantas promesas, e que dunha vez por todas quite a licitación e execute o tan demandado saneamento de A Pedra. Acusa tamén á Entidade Local Menor por non defender os intereses dos veciños e esixir ao alcalde as obras comprometidas, logo que no mes de setembro anunciaran conxuntamente as obras de saneamento e acondicionamento do barrio de A Pedra.

Pola súa banda, o alcalde Paco Ferreira fai un chamamento á tranquilidade non sen antes contradicir a versión dos populares, e é que o rexedor non só mantén que o plan estea completamente obsoleto, senón que carece do visto e prace de Augas de Galicia e de Patrimonio. Asegurou que ademais tamén recibiu o veto do arquitecto municipal e agora ultiman as modificacións para obter as autorizacións sectoriais que lles permita licitalo. Calcula que terán todo listo ao longo deste mes.

En canto ao comezo das obras de A Pedra, Ferreira estima que poderían comezar cara ao próximo verán e que en calquera caso realizaranse de maneira conxunta coas da adecuación do cemiterio, “que son competencia da Entidade Menor”. O alcalde á súa vez xustifica as demoras en que un dos problemas cos que se atoparon é que o documento elaborado durante o mandato de Fernando Guitián, que gobernou entre 2011 e 2015, limitábase unicamente a saneamento, e Patrimonio esíxelles unha actuación integral de adecuación da contorna con elementos tales como iluminación pública ou a reposición do empedrado.

Sobre o financiamento do mesmo, Ferreira explicou que o diñeiro segue nas arcas, e que para dispoñer del deberán pechar primeiro o último exercicio e presentar contas xerais. Calcula que isto se producirá entre marzo e abril de 2022 e a partir de aí volverán facer unha modificación polo montante que resulte de efectuar os cambios sobre o papel e que podería superar os 520.000 reservados inicialmente.