
Dende O Carme Baiona queren reiterar unha vez máis a súa gratitude cos veciños e veciñas da Vila. Tal e como recolleu a prensa hai unhas semanas podemos dicir que “Baiona se envorca co Carme”. O pasado venres 140 persoas achegáronse a xogar ao Liceo, o cal para a Asociación é motivo de alegría, posto que “a alta participación está permitindo que os asistentes poidan desfrutar de mellores premios”, afirma o seu presidente, Diego Álvarez.
A Asociación lembra que esta semana o bingo será o sábado, 30 de setembro, ás 22:30 horas, xa que o venres o espazo estará ocupado con outro evento que xa tiña a data reservada con anterioridade. A directiva considera que é de recibo adaptarse aos cambios e confía en que este cambio na data non altere para nada a cita semanal con toda a veciñanza.
Agradecen tamén a gran acollida da iniciativa que, desde o primeiro momento, espertou interese na Vila. Xa contan con preto de 40 establecementos colaboradores entre perruquerías, ferreterías, tendas de agasallos ou electrodomésticos, peixerías, carnicerías, salóns de beleza, loterías, deportes, xoiería, droguería, ópticas, fotografías, restaurantes, panaderías e pastelerías. Ademais, unha vez aberto o prazo de inscrición de novos socios e socias a listaxe xa conta con máis de 80 novas altas.
As persoas interesadas en ser socio/a poden escribirlle a través das redes sociais ou enviando unha mensaxe ao correo ocarmebaiona@gmail.com.