O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, insta a Augas de Galicia a que autorice de inmediato as obras para o arranxo dun tramo do paseo do río Miñor. Trátase dun tramo de aproximadamente 50 metros no barrio de Fontán en Mañufe, que sufriu importantes danos como consecuencia das enchentes no mes de decembro do pasado ano provocadas polas fortes choivas, causando importantes danos en edificios públicos, vivendas privadas e sobre todo nas zonas máis próximas aos ríos Miñor e Zamáns.
No barrio de Fontán na parroquia de Mañufe a forza da auga levou consigo parte do paseo á beira do río, derrubando árbores, afectando ao muro dun local de restauración e deixando ao descuberto as tubaxes do saneamento, e poñendo en perigo de derrube un muro dunha vivenda particular. A comezos de ano o Concello remitiu a Augas de Galicia un informe dos técnicos municipais solicitando que o organismo autonómico, e dentro das súas competencias, procedese a realizar as obras de reparación de forma urxente.
Ante a inacción de Augas de Galicia, o propietario da parcela e do muro afectados solicitou licenza municipal para a realización das obras de reparación necesarias, ante a inminente posibilidade de que dito muro se derrubase. Para que o Concello poida outorgar esta licenza é perceptiva a autorización de Augas de Galicia, que seis meses despois segue sen dar resposta, a pesar da urxencia polo perigo para a seguridade na zona, e de que o paseo do río se atope cortado, co prexuízo que iso supón para os veciños e veciñas de Gondomar.
O alcalde Paco Ferreira insta a Augas de Galicia a que “de forma inmediata proceda a emitir a pertinente autorización, xa que se trata do único trámite que falta para que dende o Concello poidamos aprobar a licenza, para que o propietario poida realizar uns traballos que son urxentes polo perigo que conleva a situación actual na zona”. Ademais o rexedor local lamenta que Augas de Galicia “non queira asumir uns traballos que son da súa competencia e causados por unha circunstancia, as enchentes, que son totalmente alleas ao propietario da parcela”.

