O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns, achegáronse esta mañá ata o Multiusos Ángel Bedriñana para dar a benvida ás mulleres baionesas participantes no programa “Capacitadas”, unha iniciativa destinada a activar o emprego entre as mulleres do municipio organizada a través do Centro de Información á Muller. Trátase dunha acción formativa gratuíta para que as mulleres baionesas se preparen para traballar en Atención ao Público, un perfil bastante solicitado na localidade e na comarca.
O programa desenvolverase en forma de itinerario formativo cun total de 150 horas, incluíndo obradoiros de sensibilización en igualdade e empoderamento para o emprego con perspectiva de xénero, ata prácticas formativas non laborais en empresas, pasando pola formación teórica práctica que inclúe formación de inglés básico. O programa vai dirixido a mulleres desempregadas ou en mellora de emprego.
Todas as accións que se poñerán en marcha dentro do proxecto desenvolveranse a modo de itinerario formativo que comprenderá as seguintes fases: formación teórica en atención ao público (35 horas); inglés básico (20 horas); sesións de empoderamento para o emprego con perspectiva de xénero (15 horas); prácticas formativas non laborais en empresas (80 horas).
O programa Capacitadas está subvencionado pola Deputación de Pontevedra no marco das axudas dirixidas a concellos de menos de 20000 habitantes da provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

