
“Salvar o río Miñor é salvarnos nós”. Con esta idea a Asociación de Afectados polas Enchentes dos ríos Miñor e Zamáns comeza a camiñar publicamente, nunca mellor dito, organizando unha andaina informativa, lúdica e por suposto reivindicativa, pola beira do río Miñor, que terá lugar o vindeiro domingo día 1 de outubro con saída ás 11:30 horas dende o “Pipican” de Gondomar.
O obxectivo da mesma é comprometer e interpelar a toda a veciñanza da comarca no sentido de que a defensa e os coidados dos nosos ríos é cousa de todos, sexan ou non afectados directos polas enchentes. Asemade, demandan dos poderes públicos: Concellos do Val de Miñor, Xunta de Galicia e Goberno do Estado, que se impliquen a fondo neste asunto con medidas eficaces e respectuosas cos ríos que poden ir dende o control das verteduras e dos recheos, até a eliminación de especies invasoras ou a reforma e mellora da depuradora de Donas, etc.
“Como afectados preocúpanos especialmente que as obras previstas no centro da Vila de Gondomar, que consideramos necesarias, poidan resolver as enchentes na zona urbana pero que afoguen sen remedio o Barrio da Ponte en Mañufe. Dende o noso punto de vista e aplicando o sentido o común, entendemos que o lóxico sería comezar por resolver os tapóns dende a desembocadura cara arriba. Neste senso estamos satisfeitos polas actuacións que no seu día lle solicitamos a Augas de Galicia para que retirasen as árbores caídas ao longo do leito do Miñor. A primeira fase está realizada e xa comezaron coa segunda que para nós é máis interesante dende a Ponte de Mañufe até a Xunqueira. Queda por resolver o control sobre o Encoro de Zamáns e os desembalses cando chove moito para nós sen control e sen aviso de ningún tipo para as persoas que vivimos na Vila, en Mañufe, etc”, sinala Antonio Araújo, presidente da Asociación.
“Cómpre deixar de ver os ríos Zamáns e Miñor coma inimigos e velos coma aliados. O que lle deamos en coidados eles nolo devolverán en calidade de vida e saúde multiplicado por mil, porque os ríos son a vida”, conclúe Araújo.