
Mañá sábado, o Season Fest celebra o seu día grande. Xoel López, Iván Ferreiro e Triángulo de Amor Bizarro subiranse ao escenario instalado no Parque das Ánimas, un dos recintos que o festival ocupa no centro de Gondomar. A programación coa que o derradeiro festival do verán galego celebra o seu 5º aniversario continúa este sábado dende o mediodía, alternando os recintos do Parque das Ánimas, a Casa Peralba e o Parque da Coelleira, onde se empraza a zona gastro. Artistas emerxentes do panorama indie galego e nacional e Djs precederán aos concertos máis agardados da noite.
Horarios
O sábado, o público poderá acceder ao recinto da Casa Peralba dende as 12:30 horas e gozar dos concertos de Xenia (13:00 h.), Aeronave Adolescente (16:15 h.), Margarita Quebrada (17:30 h.) e Anabel Lee (19:30 h.), que subirán ao escenario Fest Galicia. Xa pola noite, cambio de recinto para gozar no escenario Vibra Mahou instalado no Parque das Ánimas con Divergente DJ, a partir das 20:00 horas. A partir de aí, sucederanse os concertos de Xoel López, ás 21:00 horas, Iván Ferreiro, ás 22:50 horas e Triángulo de Amor Bizarro, ás 0:45 horas.
Venda de entradas por día e menores de 14 de balde
Dende a organización informan de que os abonos están esgotados pero que se poden mercar entradas por día tanto na súa web como na propia billeteira do festival. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos poderán acceder aos dous recintos de balde. O festival contará unha vez máis co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. Tamén colaboración de empresas como o Grupo HGA.