O Concello de Nigrán informa da apertura do prazo de solicitude ata o 18 de outubro para participar no programa de “Benestar en Balnearios 2023” da Consellería de Política Social, cun total de 1.204 prazas para as estancias e o tratamento termal para desfrutar entre o 22 de outubro e o 31 de decembro deste ano.
Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos: ser maior de 60 anos, ou de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social; estar empadroados e residir nalgún concello de Galicia; valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria, entre outros.
En cada solicitude só se poderá solicitar ata un máximo de 3 destinos por orde de prioridade. As quendas teñen unha duración de 10 días (nove noites) e realizaranse en réxime de pensión completa. O programa inclúe aloxamento con pensión completa e tratamento termal, así como actividades de animación sociocultural.
O prazo de solicitude termina o 18 de outubro e as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para maior información poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais de Nigrán ou chamar ao 986365000 extensión 4.

