A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Zamáns e Miñor

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e de limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Zamáns e Miñor, no concello de Gondomar. Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións. As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e nas súas zonas de acceso e protección. Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.