Regresan as catas ao Season Fest: a maridaxe perfecta de música co mellor produto galego

O Season Fest, que se celebra en Gondomar desde hoxe ata o domingo, sempre programa actividades complementarias aos concertos para mellorar a experiencia do seu público. E entre as máis valoradas están as catas, a perfecta combinación de música en directo cos mellores viños de Regina Viarum e Altos de Torona, aderezado cunha degustación de xamón de Torre de Núñez.

As catas regresan ao festival mañá venres, ás 18:00 horas, en Casa Peralba, un dos recintos do festival, con entradas a vinte euros máis gastos. Só para maiores de 18 anos, os pases poden mercarse desde o apartado “Catas” da web do festival (www.seasonfest.es) e inclúen a degustación das variedades Rosae e Mencía de Regina Viarum e tamén o Godello e Rosal das bodegas Altos de Torona. E todo isto gozando ao tempo dunha degustación de xamón Torre de Núñez cortado no momento polos seus expertos.

A xornada de mañá venres no Season Fest será do máis especial. Na Casa Peralba de Gondomar daranse cita Los Punsetes, Habitación Vudú, Visions of Johanna, Sr. Jingles e Señora DJ. E cada concerto tamén “maridará” cun dos caldos de Regina Viarum e Altos de Torona. Así, o Godello de Altos de Torona acompañará ao concerto de Habitación Vudú e o Regina Viarum Rosae fará o propio con Sr. Jingles, mentres que o Rosal de Altos de Torona se asociará á actuación de Visions of Johanna e o Regina Viarum Mencía, a Los Punsetes.

Nun recinto tan fermoso como a Casa Peralba de Gondomar, a suma das catas dos viños de Regina Viarum e Altos de Torona co xamón de Torre de Núñez e a música en directo auguran un ambiente único e unha experiencia irrepetible. O que o Season Fest sempre procura para o seu público.