Esquerda Unida solicita a publicación completa do PXOM de Nigrán na web municipal

Esquerda Unida solicita ao goberno municipal a publicación completa do PXOM na web municipal, para que a veciñanza poida acceder a toda a documentación e non sexa o goberno municipal quen decida que pode ver e que non pode ver a cidadanía.

“Despois de que o PSOE de Nigrán fora o abandeirado da transparencia e a participación na tramitación, dá a impresión de que o goberno municipal non quere que a veciñanza coñeza o que realmente se vai levar ao pleno para a aprobación provisional”, sinálase desde Esquerda Unida, para lembrar que esta publicación é unha obriga legal, xa que a lei sinala que “os concellos garantirán, mediante procedementos telemáticos, o acceso e o coñecemento do contido dos instrumentos de planeamento urbanístico, tanto se se encontran aprobados como durante a súa tramitación”.

Ademais, Esquerda Unida, despois da asistencia que houbo ás charlas informativas realizadas en Nigrán e Priegue, solicítalle ao goberno municipal que repita as charlas informativas nas parroquias de Chandebrito, Camos e Panxón, que foron escasamente publicitadas desde o goberno de Nigrán.