
Cambio de líder na recta final do Mundial de J80 en Baiona que organiza o Monte Real Club de Yates co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. Coa disputa de dúas novas mangas no campo de regatas de Cíes e a entrada en xogo dun descarte que lle permitiu ás tripulacións eliminar da clasificación o seu peor resultado, o liderado da cita intercontinental pasou este xoves a mans do Eurofrits & Aviko Newindfoods comandado polo canario Javier Padrón.
A frota soltou amarras de forma puntual para dirixirse cara ao campo de regatas. O primeiro bocinazo do día escoitouse pasada a unha da tarde cun vento do noroeste duns quince nós de intensidade. Eran unhas condicións perfectas ata que un cambio na dirección do vento obrigou ao comité a anular a proba en curso e reposicionar as balizas do percorrido para poder poñer de novo en marcha a competición.
Foi finalmente ao redor do catro menos cuarto da tarde cando o vento, inestable ata ese momento, estableceuse con dirección oeste cuns 12 nós de intensidade media, permitindo que a frota puidese sumar dous novos parciais nas súas marcadoras.
Na primeira proba do día o Eurofrits & Aviko Newindfoods comandado por Javier Padrón (RCM Santander/RCN Gran Canaria) e o Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández (RCN A Coruña) protagonizaron un emocionante man a man na cabeza que finalizou con vitoria para o equipo cántabro-canario, mentres que na segunda manga o coruñés foi o que levou o gato á auga cunha pelexadísima primeira posición, escalando varios postos na xeral ao asinar a súa mellor xornada do Mundial.
Os resultados das probas deste xoves e a entrada en xogo do descarte provocaron un envorco na xeral. No máis alto da táboa e cun primeiro e un undécimo, o Eurofrits & Aviko Newindfoods, armado por Daniel de la Pedraja, convértese no novo líder da clasificación. Dominan, ademais, cunha vantaxe de trece puntos sobre o segundo clasificado.
“Sabiamos que co descarte, se non picabamos, entrabamos no xogo”, comezou afirmando Javier Padrón tras o seu regreso aos pantaláns e engadiu: “Fixemos dúas boas regatas hoxe e estamos súper contentos, pero tamén moi concentrados porque aínda quedan dúas xornadas. Imos a por todas, aínda que sabemos que as regatas están a ser moi complicadas e todo o mundo pode ter unha picada, polo que tentar vaticinar algo é practicamente imposible, queda moito aínda”.
Por detrás non houbo cambios no segundo e terceiro caixón do podio provisional, que continúan ocupados polo Dorsia Covirán que patronea José Manuel Ruiz (RCR Alacante) e o Marnatura de Luis Bugallo (MRCYB) respectivamente.
En canto ao resto de divisións que se xogan o Mundial de J80 en Baiona, os cinco equipos que lideraban o mércores as súas respectivas clasificacións lograron manter os seus postos este xoves co Dorsia Covirán armado por Nuria Sánchez dominando na clase Mixta; o Team Balearia de María Bover (RCN Palma) na Feminina, que se meteu ademais no top 15 tras esta terceira xornada clasificatoria; o francés Telesto Ecole Navale de Paul Louseau en Xuvenil; o Marías Casas do Telhado de Manuel María Cunha (MRCY Baiona) en Corinthian; e o cántabro Mercury Avator de Jaime Piris (RCM Santander) en Master.
A última hora da tarde, como cada día desde que empezou o Mundial de Baiona o village do Monte Real converteuse en punto de encontro dos participantes, que nesta ocasión gozaron dunha fideuá cos mellores produtos da terra de man de Galicia Calidade.
A frota retomará a competición o venres coa disputa de tres probas a partir da unha da tarde. Todo apunta a que será de novo unha xornada en grao sumo emocionante, e é que os catro equipos que se sitúan por detrás do líder están separados por só nove puntos: o Dorsia Covirán, segundo con 30 puntos; o Marnatura, terceiro con 34; o Solintal, cuarto con 35; e o Kotablue Fibra Coruña 14/18, quinto con 39.
O Mundial J80 Baiona 2023 celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. A competición conta, ademais, coa colaboración de Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Repsol, Concello de Baiona, Terras Gauda e Gestilar.