Sin categoría

Premiados dous alumnos do CPI Cova Terreña en senllos concursos autonómicos

Alumnado do CPI Cova Terreña vén de gañar dous premios autonómicos. Este martes tivo lugar a entrega de premios no Salón de Plenos do Concello de Baiona.

O alumno Carlos López Padrón, de 4ºESO B, foi o gañador de toda Galicia do II Concurso Literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) na categoría 3º-4º ESO. O traballo foi presentado a través da súa profesora de informática, Isabel Martínez Cabaleiro. Nesta segunda participación, o centro volveu a gañar o primeiro premio e, nesta ocasión, tamén o premio ao colexio con maior participación. O premio consistiu nunha tablet para o autor e un kit de robótica para a súa aula.

Rodrigo González Rouco, de 4ºESO A, foi o gañador do Concurso de Deseño #Enreda na Rede, organizado pola Fundación Barrié e a Asociación Arela, dentro do seu Programa Katorce-18. O alumno creou o slogan «Pensa antes de enviar…» e unha representación gráfica que o acompaña sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes, participando neste concurso a través do centro dentro da materia optativa de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

O premio consiste nunha tirada de camisetas para a aula á que pertence o alumno. Ademais, o traballo gañador publicarase en formato en liña na web da Fundación Barrié e da Asociación Arela así como nas canles habituais de difusión de ambas as dúas entidades. Do mesmo xeito, poderá ser exposto en actividades e eventos vinculados ao Programa Katorce-18.

O Concurso de Deseño #Enreda na Rede ten o obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal. Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional.