A frota de J80 do Mundial de Baiona estrea marcadoras con dúas probas nas Cíes

Gran comezo do Mundial de J80 en augas das Rías Baixas. A cita intercontinental que organiza o Monte Real Club de Yates co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade inaugurou este martes os marcadores para unha frota de 77 barcos que puido lucirse na espectacular contorna das illas Cíes, onde está situado o campo de regatas no que se pon en xogo o ansiado título.

Á primeira hora da mañá todo parecía indicar que o vento non poñería as cousas fáciles, e o certo é que o comité de regatas izou bandeira de aprazamento en terra a espera de que as condicións mellorasen.

Finalmente, con algo máis de dúas horas de atraso sobre a hora programada, a frota puido arrancar a competición pasadas as tres da tarde cun vento do noroeste de entre seis e oito nós de intensidade, condicións que se mantiveron o tempo suficiente como para estrear os marcadores coa disputa de dúas apertadísimas mangas nas que a regularidade foi clave para definir o primeiro podio provisional.

As dúas vitorias postas en xogo repartíronllas o Eurofrits & Aviko de Javier Padrón e o Solintal de Ignacio Camino, ambos competindo baixo a grímpola do Real Club Marítimo de Santander. Foron os de Camino, con todo, os que lograron converterse nos primeiros líderes do Mundial ao sumar tamén un cuarto e situarse con cinco puntos na xeral.

Por detrás, gran actuación inicial do coruñés Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández. Cunha tripulación formada exclusivamente por membros do equipo de regatas do Real Club Náutico da Coruña, os de Fernández sumaron este martes un terceiro e un sexto debido a que os colocou no segundo caixón do podio cun punto de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor.

A terceira posición ocúpaa nesta primeira xornada o Dorsia Covirán patroneado por José Manuel Ruiz, que se estreou na ría de Vigo con dous quintos postos.

Ademais da xeral absoluta, o Mundial J80 Baiona 2023 tamén pon en xogo o título noutras cinco divisións que se pecharon tamén este martes cos primeiros líderes provisionais: o Decoexsa de Olatz Muñoz (RCN San Sebastián) en Feminino, o Dorsia Covirán patroneado por José Manuel Ruiz (RCR Alacante) en Mixto, o Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández en Corinthian (categoría na que puntúan as tripulacións non profesionais), o francés Telesto Ecole Navale de Paul Loiseau en Xuvenil e o Mercury Avator do santanderino Jaime Piris en Master (barcos que contan co patrón e polo menos dous tripulantes con máis de 60 anos).

Con catro xornadas aínda por diante e un descarte pendente de entrar en xogo cando se completen cinco das quince mangas programadas, non hai dúbida de que todo pode pasar. Equipos como o Eurofriks & Avico de Padrón (cuns parciais de 1-24), o Michelle de Alfredo González do Real Club Náutico de Portosín (2-39) ou o locais Alboroto con Javier Aguado á cana (26-2) e Solventis Ribadeo de Alberto García (76/UFD-3) poderían refugar a súa peor parcial e meterse entre os primeiros postos da táboa.

Unha vez finalizada a xornada os participantes reuníronse de novo no village do Monte Real, onde este martes puideron gozar dunha degustación de polbo e conservas de marisco e algúns dos mellores produtos galegos de man de Galicia Calidade. Para o mércores, todo apunta a que o vento soprará con forza e de dirección sur, polo que posiblemente o comité poderá iniciar a xornada de forma puntual á unha da tarde.

Un Mundial comprometido co medio ambiente

Tras unha proba efectuada na Regata de Primavera celebrada o pasado mes de abril, o Monte Real estreou este martes en competición un novo combustible de Repsol, 100% renovable e con cero emisións. As embarcacións de apoio do club saíron á auga con este carburante elaborado a partir de residuos co que a compañía enerxética busca reducir a pegada de carbono. “Este combustible converte ás embarcacións de apoio en completamente sostibles e axudamos a reducir a pegada de carbono e sentamos precedentes para que as competicións sexan cada vez máis respectuosas”, declarou Inés González, xefa de mariña e pesca de Repsol.

O Mundial J80 Baiona 2023 celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. A competición conta, ademais, coa colaboración de Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Repsol, Concello de Baiona, Terras Gauda e Gestilar.