
O Concello de Baiona conmemora o Día Mundial do Alzheimer (21 de setembro) con varias actividades organizadas pola Concellería de Política Social, que teñen como obxectivo sensibilizar á poboación sobre en que consiste esta enfermidade, como previla, como detectala, que tratamentos hai e con que servizos cóntanse para axudar ás familias que a padecen. Ademais, será un día para o desfrute das persoas maiores do municipio, pois as actividades pensáronse para que pasen unha tarde distinta: adiviña a canción, obradoiro de risoterapia ou cancións de onte, son algunhas das actividades.
Tamén se aproveitará a efeméride para presentar o obradoiro de memoria que o Concello de Baiona vai poñer en marcha polas parroquias do municipio. Baixo o lema “No Alzheimer nós tamén somo protagonistas. Aqueles si que foron tempos”, a Praza do Concello é o lugar que acollerá esta xornada especial que forma parte do proxecto “Deporturismo Social”. Trátase dun proxecto creado desde a Concellería de Política Social en colaboración con outras Concellerías que estiveron traballando nun proxecto transversal que tivo como resultado varias actividades.
Desde o Concello de Baiona quíxose aproveitar esta data para dar continuidade a este proxecto que achega a saúde mental aos veciños e veciñas. Trátase da terceira acción deste proxecto que ao longo destes meses irá dando visibilidade a diferentes doenzas mentais. A primeira acción tivo lugar o pasado mércores 6 de setembro con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio co obxectivo de contribuír a frear esta secuela e concienciar á sociedade baionesa.