Nigrán estrea en redes a curta documental sobre Rosalía González, a última redeira de Panxón

O Concello de Nigrán vén de estrear en redes o derradeiro documental da triloxía “Nigrán na Memoria”, o correspondente a Rosalía González, representante da última xeración de redeiras de Panxón. Anteriormente foi o de Rosa “de Malde”, única muiñeira de Camos en activo, e o de Esther Nande, a única campaneira do Val Miñor e a cargo da igrexa de Santiago de Parada. A curta, de 20 minutos de duración e coa seguinte ligazón será pendurada á súa vez na web do Concello http://www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo. O Concello traballa xa na gravación de novas curtas de persoalidades do municipio que representan un oficio de antano ou tradición e está aberto a propostas no correo comunicacion@nigran.org.

“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están a desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial do municipio”. Neste sentido, o Concello ten estreado tamén este ano “A memoria da auga”, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito (tamén dispoñible en http://www.arquivoaudiovisualnigran.org).

Rosalía González, de 94 anos, pertencente a unha gran familia mariñeira con ancestros que nin coñeceron os barcos a motor e representa á última xeración de redeiras de Panxón. “Empecei con 17 anos. Encantábame traballar na rede. Eramos só mulleres e íamos tamén a Baiona, Canido ou Saiáns, e todo andando”, indica mentres enumera os diferentes barcos e os seus patróns ou as diferentes artes de pesca que existían entón e para que servían. “Hoxe en día xa se ocupan os mesmos propietarios de atar as redes”, explica Rosalía, quen aínda recorda “o grande que era a Praia de Panxón”, onde se sentaba a traballar de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 e practicamente todo o tempo cantando. “Pasabamos moito frío e moito calor, era duro”, e esta dureza multiplicábase co seu home no Gran Sol durante meses e ela soa a cargo dos fillos. “Non estivo presente nos nacementos e cando chegaba a terra os críos lle escapaban porque non o coñecían”. Rosalía tivo que compaxinar o traballo de redeira con outros oficios, como mariscar longueirón e cadelucha en Panxón e croques en Lourido. “Despois da Guerra todo foi moi duro pero había moito peixe que nos salvou da fame, o comiamos á brasa porque nin para aceite tiñamos”, rememora.