
O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu no Concello ao presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Felipe Nascimento, quen durante estes días visitará outros municipios e a Deputación de Pontevedra para coñecer de primeira man exemplos de boas prácticas medioambientais. Esta illa africana, pertencente á República Democrática de Sao Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO, acollerá entre o 23 e 26 de outubro o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (entidade que o alcalde de Nigrán preside) e baixo o lema “Gobernanza local para o desenvolvemento sustentable”.
Así, tras unha reunión técnica na alcaldía na que se trataron cuestións organizativas do encontro de outubro, a comitiva encabezada polo propio presidente e o seu asesor Antonio Machiaba acudiu co alcalde e a concelleira de Educación a Piñeiros (Camos) para amosarlle de primeira man o funcionamento dunha das 6 comunidades de augas veciñais do municipio, un sistema que ao presidente de Príncipe lle interesaba especialmente coñecer para poder replicalo na súa illa. “As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que desde o Concello colaboramos mediante diferentes subvencións destinadas a garantir a súa continuidade e tamén a seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias en Nigrán, concretamente, a 35 aquí en Piñeiros. Grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación en todo o rural galego e mellorar as súas condicións de vida”, explicoulle o alcalde, Juan González (estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños, a maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80). “Resúltame moi interesante para poder aplicar este sistema nas zonas máis descentralizadas de Príncipe, é sostible, económico e moi beneficioso tamén desde o punto de vista sanitario”, comentou Felipe, quen se interesou pola capacidade do depósito, os traballos comunitarios que conleva, o proceso de depuración…
Posteriormente, o alcalde acompañou ao presidente ata o barrio de Rozadas (Chandebrito) para amosarlle os traballos da brigada municipal no futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas, unha área de 420.000 m² gravemente afectada polos incendios de 2017 na que se están a realizar traballos de recuperación do bosque autóctono e posta en valor dos elementos etnográficos grazas ao traballo conxunto coas comunidades de montes de Camos e Chandebrito. “A propia figura de monte comunal, dos veciños pero nin privado nin público, lle resultou especialmente interesante”, subliña González, quen se amosa especialmente ilusionado co futuro encontro en Príncipe en aras de buscar proxectos de colaboración nos que o Fondo Galego poida participar.
Finalmente, como despedida desta viaxe por Galicia, o alcalde acompañará este venres ao presidente de Príncipe no seu encontro co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. Ademais, a delegación do Príncipe atoparase con responsables da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, coa que a illa está irmandada, da man do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Así mesmo, reunirase con representantes do Fons Menorquí de Cooperació, que está a explorar a posibilidade de impulsar no arquipélago un proxecto de cooperación internacional no que tamén podería participar o Fondo Galego.