A Banda de Gaitas “Irmandade” enche de público a Praza do Concello de Baiona

Onte pola tarde Baiona foi escenario da Xira 20 Aniversario da Banda de Gaitas “Irmandade” do Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor en Montevideo. A cita comezou na Praza do Concello ás 19:00 horas e os veciños e veciñas puideron gozar da música tradicional galega da agrupación chegada desde Uruguai. O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumiña, exerceu de anfitrión da Banda de Gaitas e do Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia e a zona norte de España, Ramiro Rodríguez Bausero, que foi convidado o evento polo propio rexedor na reunión mantida hai unhas semanas no Concello de Baiona entre ambos.

Os lazos de Baiona con Uruguai son estreitos con raíces fondas na emigración. Foron moitas as persoas que se achegaron ata a Praza do Concello para gozar deste peculiar concerto. A Banda de Gaitas “Irmandade” do Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor en Montevideo está a ofrecer unha xira por Galicia no mes de setembro para celebrar os 20 anos da súa fundación, cando foi creada por descendentes de emigrantes galegos co obxectivo de continuar coa tradición musical dos seus pais e avós e promover a gaita tradicional galega.

Durante 20 anos, por esta formación pasaron distintas xeracións de descendentes galegos, desde nenos ata adultos. Hai que destacar que é a única banda de gaita galega que existe en Uruguai, que durante o ano participa en actividades do Centro Valle Miñor e doutras asociacións da colectividade galega e española en Uruguai. Desde os seus inicios, a Banda de Gaitas “Irmandade” estivo dirixida por Vicente Carlos González Siri, fillo dun inmigrante da zona de Baiona (concretamente de Media Aldea, Belesar) que foi un destacado alumno do gaiteiro Celestino Pichel e tamén imparte clases en distintos Centros Galegos de Uruguai.