
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presentou esta mañá as diferentes modalidades das Escolas Deportivas Municipais, das escolas conveniadas coa Deputación de Pontevedra e as escolas impartidas polos diferentes clubs deportivos de Gondomar en colaboración co Concello. As modalidades ofertadas nas Escolas Deportivas Municipais son psicomotriciade e multideporte, taekwondo, GAP, ximnasia de mantemento, xadrez, marcha nórdica e patinaxe artística, que este ano pasa a ser escola municipal. No caso das escolas conveniadas coa Deputación de Pontevedra os deportes ofertados serán judo, balonmán e baloncesto.
Por outro lado, os clubs de Gondomar ofertarán para este curso, en colaboración co Concello, ximnasia rítmica, patinaxe artística, fútbol masculino e feminino, atletismo, tenis de mesa, fútbol gaélico, tenis, bolos e actividades náuticas. O prazo de inscrición das Escolas Municipais abrirase o próximo 18 de setembro no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda en horario de 10:00 a 12:00 e de 17:00 a 20:00 horas. No caso das escolas conveniadas coa Deputación de Pontevedra as inscricións deberán realizarse a través da páxina da propia Deputación ou na federación deportiva correspondente.
Para realizar a inscrición das actividades organizadas polos diferentes clubs deberán dirixirse a cada un deles directamente. O alcalde Paco Ferreira destacou que “o deporte é un dos maiores potenciais que ten Gondomar, é unha forma de educar ás nenas e nenos nuns valores moi positivos, de esforzo, superación e compañeirismo”. O rexedor local destacou que “dende que chegamos ao goberno temos feito un gran esforzo inversor no deporte, tanto en infraestruturas deportivas, como no apoio a clubs e deportistas e así o seguiremos a facer”.
Para máis información os interesados poden contactar a través do correo deportes@concellodegondomar.gal ou nos teléfonos 986360305 / 608748393.