Sin categoría

Chandebrito 1807 denuncia o “escurantismo” do goberno local respecto do PXOM

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente a forma escurantista coa que o equipo de goberno municipal do PSOE está levando a cabo charlas polas parroquias do municipio para explicar o contido do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que pretenden aprobar definitivamente por parte do Concello antes de que remate este ano. “Nun medio de comunicación o 30 de xullo anunciaron que no mes de setembro farían unha xira polas parroquias e que xa estaban dúas datas marcadas e pechadas que serían o 4 de setembro en Chandebrito e o día 6 en Camos. A reunión de Chandebrito do luns día 4 non chegou a celebrarse e cambiouse para o venres día 8 sen ningunha nota aos medios de comunicación nin publicidade por parte do Concello, e se houbo algunha foi só por parte da directiva dunha asociación determinada para os seus asociados pero non para toda a veciñanza desta parroquia”, explica Carlos Gómez, presidente da Asociación.

“O xoves día 7 celebrouse na parroquia de Panxón outra destas reunións informativas sen ningún tipo de publicidade por parte do goberno municipal, a única publicidade que houbo foi na rede social Facebook dunha asociación veciñal determinada. As reunións para dar a coñecer un documento tan importante para o futuro do municipio non poden ser parte os poucos socios dunha asociación, senón para toda a veciñanza polo que se require a maior difusión por parte do Concello na convocatoria. Esta Asociación sen ánimo de lucro, ante esta actitude do equipo do goberno que parece pretender que ás reunións informativas acuda o menor número posible de veciñas e veciños (a pesar de anunciar na prensa que quere dar a coñecer o PXOM por unha cuestión de “transparencia”), pide que rectifiquen e volvan repetir as reunións de Chandebrito e Panxón e as que aínda están pendentes de convocar se lles dea a maior difusión posible”, reclama Gómez.

Así mesmo, pide que o goberno municipal ofreza a súa opinión sobre o documento, e que convoque tamén aos restantes grupos municipais para que poidan asistir ás reunións se o desexan e, o que é máis importante, se recolla das persoas asistentes os posibles erros e cambios substanciais no documento exposto respecto ao da aprobación inicial. Por último, solicita tamén que se convoque ao Consello Sectorial do PXOM para que se pronuncie ao respecto, órgano que leva paralizado máis de dous anos ao non ser convocado polo goberno de Nigrán para consultas e ditames na construción do documento urbanístico.