Nigrán únese un ano máis á limpeza simultánea de ríos organizada con Adega

O Concello de Nigrán súmase como cada ano o domingo 24 de setembro ao proxecto “Móllate polos Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión céntrase no tramo da desembocadura do río Muíños, na “XVI Limpeza Simultánea” en municipios de toda Galicia. O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas ao labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Muíños máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

A saída será o 24 de setembro ás 11:30 dende a oficina de turismo de Dunas de Gaifar e a limpeza levarase a cabo na desembocadura do río Muíños. O prazo de inscrición ábrese o luns 11 de setembro en rexistro do Concello ou enviando un correo a oficinaturismo@nigran.org. O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.