A banda de gaitas Irmandade de Montevideo actúa en Gondomar, Nigrán e Baiona

A banda de gaitas Irmandade do Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor de Montevideo dará un concerto este domingo 10 de setembro en Gondomar, ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, o luns día 11 ás 20:00 horas na Alameda da Ramallosa en Nigrán, e o martes 12 ás 19:00 horas na Praza do Concello de Baiona. Cunha xira por Galicia, terra de orixe dos membros da banda, queren celebrar os seus 20 anos de vida.

A banda de gaitas Irmandade é unha banda tradicional galega, pertencente ao Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor. Foi creada a principios do ano 2003 por iniciativa dun grupo de mozos descendentes de galegos, para continuar coa cultura e a música dos seus pais e avós. Desde o seu comezo ata a actualidade é dirixida por Carlos González, fillo de inmigrante galego de Baiona. Na actualidade a banda de gaitas Irmandade está formada por uns 15 integrantes entre gaitas, tambores, bombos e pandeiretas. No seu comezo estivo formado por unhas 12 persoas.

No pasar destes 20 anos moitos pasaron pola banda, sendo moi variadas as súas descendencias como tamén as súas idades, desde nenos ata persoas maiores. Sempre co fin de difundir a música galega no Uruguai. É unha banda denominada tradicional xa que todos os seus instrumentos son de orixe tradicional. Cabe destacar que participou en infinidade de eventos dentro da colectividade galega como española dentro de Uruguai. Tamén organizando festivais Celta xunto a bandas e grupos amigos.

Colaborando con centros irmáns e tendo moita participación en eventos no interior do país. Cabe destacar que desde o seu inicio ata a actualidade é a única banda de gaitas existente no Uruguai. Este ano ao ser un ano especial para a devandita banda, neste mes de setembro presentarase en Galicia, cumprindo un soño que tiña desde hai tempo. Presentándose en distintas comarcas da Coruña e Pontevedra, aínda que non sexa coa totalidade dos seus integrantes, si o fará cunha nutrida participación duns 14 integrantes entre gaitas, tambores, bombo e pandeiretas.

A continuación, o nome e instrumento de cada un: Carlos González: gaita (director), Matías Lorenzo: gaita, Natalia Sanabria: gaita, Alejandra Larrea: gaita, María Eugenia Martínez: tambor, Andy Penna: tambor, Carolina Simoes: bombo, Andrea Méndez: pandeireta, Ana Lina Rey: pandeireta, Victoria Peña: pandeireta, Adriana Fernández: pandeireta, Delfina González: cunchas, Fernando Vilariño: tambor (músico invitado).

Lugares onde se presentarán: domingo 10 de setembro: Gondomar, luns 11 de setembro: Nigrán, martes 12 de setembro. Baiona, mércores 13 de setembro: Porriño, xoves 14 de setembro: Laxe, venres 15 de setembro: presentación programa LUAR da Televisión de Galicia, sábado 16: Barro e domingo 17 de setembro: Carballo.