Sin categoría

Baiona ilumínase de verde polo Día Mundial da Fibrose Quística

A fachada do Concello de Baiona iluminouse este venres, 8 de setembro, de cor verde con motivo do Día Mundial da Fibrose Quística. Esta iluminación permanecerá durante toda a fin de semana no edificio municipal para dar visibilidade e mostrar apoio aos enfermos desta doenza. A fibrose quística é unha enfermidade crónica e hereditaria dexenerativa que afecta principalmente os pulmóns e ao sistema dixestivo. Coa iluminación da fachada, a pedimento da Asociación Galega de Fibrose Quística, preténdese dar visibilidade a esta enfermidade e conseguir unha verdadeira sensibilidade social.

Cabe lembrar que esta iniciativa, do mesmo xeito que outras similares, enmárcase no compromiso que mantén o Concello de Baiona á hora de apoiar aos grupos de axuda mutua no seu labor de promoción da saúde das persoas afectadas por algunha enfermidade e as súas familias. O domingo pasado a Praza do Concello acolleu durante toda a xornada a Gala Fibrose Quística organizada pola Asociación Galega de Fibrose Quística en colaboración co Concello de Baiona. As persoas que se achegaron ata este lugar da Casco Vello baionés puideron gozar de numerosas actividades organizadas con motivo do Día Mundial da Fibrose Quística e coñecer de primeira man esta doenza.