
Un dos corredores que máis anos leva defendendo as cores do Vigo-Rías Baixas arrancou a tempada cun fantástico golpe de pedal. Asier González adxudicouse este domingo a clasificación da Montaña no Trofeo Guerrita e cruzou en novena posición a liña de meta da localidade murciana de Alcantarilla. Esta actuación do burgalés da estrutura presidida por José Luis Chamorro confirma a súa candidatura aos postos altos da xeral na Copa de España.
Na segunda cita do certame estatal para ciclistas Elite-Sub23, os pupilos de Jesús Blanco Villar confirmaron as boas sensacións deixadas o pasado domingo no Circuíto Guadiana. De novo, os dous xefes de filas do conxunto flúor estiveron metidos de cheo na pelexa. Asier González e Miquel Valls tentaron, cada un no seu terreo, dinamitar a carreira.
Os 166 quilómetros do Trofeo Guerrita-Memorial Juan Romero e Diego Sánchez ofrecían o primeiro contacto serio da Copa de España coa montaña. Iso si, lonxe do final. O Alto da Perdiz, de 1ª categoría, coroábase no km 52 e pola súa cima pasou na cabeza Asier González. O ciclista que cumpre a súa cuarta tempada na estrutura olívica situouse á fronte da clasificación da Montaña e pouco despois, no km 60, ratificou o seu reinado ao puntuar en terceira posición na subida á Perdiz por outra vertente, nesta ocasión catalogada de 3ª.
Desde o segundo e último porto da xornada restaban máis de 100 quilómetros a meta e foi a falta de 47 km cando entrou en acción Miquel Valls. O balear saltou con forza desde o reducido pelotón, composto por medio centenar de ciclistas, e non só chegou á altura de cinco corredores que marchaban fuxidos, senón que tentou deixalos de roda.
O movemento do representante flúor reactivou a escapada durante unha decena de quilómetros antes de ser neutralizada. O terreo non xogaba a favor daqueles que querían evitar un desenlace ao sprint, pero aínda así a falta de 8 km probouno Asier González. O ciclista de Burgos non conseguiu sorprender e unha vez que os equipos dos velocistas non permitiron máis saltos, soubo moverse na recta final para lograr a novena posición en Alcantarilla. Este resultado, sumado á 14ª praza que obtivo no Circuíto Guadiana, aséntao na zona nobre da xeral.
A 56 segundos do primeiro grupo chegou un segundo encabezado por Valls (38º) e no que tamén entrou Martín Barrero (46º). Por equipos o Vigo-Rías Baixas repetiu a mesma posición que na apertura do certame estatal, a oitava. A Copa de España regresará o 26 de marzo en Ontur (Albacete) tras suspenderse a Aiztondo Klasika, prevista para o vindeiro domingo.