Sin categoría

A titular da praza de intervención de Baiona reincorpórase ao seu posto

O Concello de Baiona informa de que a titular da praza de intervención da administración local, María Rosa del Riego Santos, reincorpórase ao seu posto tras cubrir unha etapa como Directora de Xestión e Servizos Xerais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061. A interventora municipal desempeñou anteriormente o posto na administración local baionesa durante 20 anos e é persoal funcionario de carreira pertencente á escala de habilitación nacional, subescala de intervención-tesourería, categoría superior, clase primeira.

Entre os primeiros labores que terá que afrontar a interventora atópase a análise da situación económica do Concello de Baiona e a preparación dos Orzamentos do exercicio 2024. Tanto para esta tarefa como para o desempeño do resto de funcións á fronte da intervención municipal, o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, agradeceulle a súa disposición para asumir novamente esta responsabilidade á vez que lle desexou moitos éxitos nos seus labores e tarefas. “Conta co apoio e colaboración de todos os compañeiros e de todos os membros do equipo de goberno. A súa extensa carreira profesional e a súa experiencia á fronte do posto abálana”, engadiu o alcalde.

María Rosa del Riego Santos tamén pasará a ocupar o posto de interventora da Mancomunidade do Val Miñor, substituíndo a Beatriz Isla Carballo, interventora municipal do Concello de Gondomar, que ata o de agora tamén desempeñou estas funcións no ente supramunicipal. Almuiña, que ostenta a presidencia de quenda da institución comarcal, quere agradecer a Isla Carballo os servizos prestados. O Concello de Baiona informa de que a interventora participará no pleno do mes de setembro que se celebrará o martes 12 de setembro ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Baiona.