Sin categoría

A Xunta inicia as obras do aparcadoiro disuasorio de Nigrán con 72 prazas e un investimento de preto de 650.000 €

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que se veñen de iniciar as obras do novo aparcadoiro disuasorio que suporá un investimento de preto de 650.000 euros. Trátase dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Segundo explicou a representante autonómica, a superficie total construída será de 3.500 metros cadrados para a creación de 72 prazas de aparcamento con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos. A obra, que tal e como indicou a delegada ten un prazo de execución de cinco meses, dará continuidade á senda peonil existente na PO-340, e construirá zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado. Ademais, repoñerase a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilitaranse cinco pasos de peóns para dar continuidade ao tránsito peonil.

Ana Ortiz, que estivo acompañada polo alcalde de Nigrán, Juan González, tamén engadiu que se instalará unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conectará a través de cuneta co río Miñor, e instalarase iluminación pública e vídeo vixilancia.