Lucenza – Ateneo de Nigrán reclama a retirada da simboloxía franquista presente no municipio

Lucenza – Ateneo de Nigrán vén de remitir ao Bispado de Tui – Vigo e o Concello de Nigrán dúas instancias nas que se demanda a retirada da simboloxía franquista existente no municipio de Nigrán. A asociación ten inventariadas nove inscricións franquistas distribuídas por todo o municipio, en sete edificacións de titularidade da Diocese e dúas construcións de titularidade municipal. Estas inscricións están colocadas principalmente nos muros exteriores de todas as igrexas parroquiais, figurando nelas o nome do dirixente falanxista José Antonio Primo de Rivera e mesmo nalgún caso o símbolo fascista do xugo e as frechas, ademais de referencias aos “caídos na Cruzada de 1936 a 1939” e o “Ano da Vitoria”, o que supón un claro enaltecemento do bando franquista.

Pola súa banda, existen tamén nas parroquias de Camos e Panxón símbolos falanxistas situados en lavadoiros e fontes de titularidade municipal. Para Lucenza, todas estas inscricións e símbolos son elementos contrarios á memoria democrática e supoñen un agravio permanente ás vítimas da represión exercida na comarca polos golpistas do 36 e polo réxime da ditadura franquista. No burofax que agora vén de enviar Lucenza á Diocese de Tui-Vigo, un ano despois dunha anterior carta enviada polo Ateneo ao Bispo D. Luis Quinteiro Fiuza, solicitándolle colaboración para a retirada dos símbolos franquistas colocados nas igrexas parroquiais do municipio, critícase a pasividade manifestada polo Bispado ao respecto e a falta de compromiso democrático que isto supón.

E por iso que agora, ao abeiro da recente Lei de Memoria Democrática, Lucenza insta ao Bispado e ao Concello de Nigrán a unha rápida retirada de dita simboloxía en cumprimento da normativa vixente, para así poder avanzar na superación progresiva desta páxina negra da Historia. Pódese consultar o contido das instancias enviadas ao Bispado de Tui – Vigo e o Concello de Nigrán na páxina de Facebook de Lucenza – Ateneo de Nigrán, ademais dun dossier fotográfico completo das placas e inscricións existentes no municipio.