
TradiSón vén de comunicar a anulación do II Festival Internacional MiñorSóns, que tiña previsto celebrar do 21 ao 26 de setembro en Nigrán, Baiona e Gondomar. O motivo, segundo relatan, “un cambio de cor político e unha mala xestión da anterior corporación de goberno na Mancomunidade”. “O pasado 7 de xullo, recibimos unha carta do novo presidente da Mancomunidade na que de maneira unilateral nos comunicaba a NON intención de seguir cos compromisos de patrocinio acordados coa antiga corporación de goberno da Mancomunidade. A partires de aquí, todo o que aconteceu poderíamos usalo politicamente facendo moito dano a uns e outros… pero estaríamos cometendo exactamente o mesmo erro que están cometendo os Concellos da Mancomunidade con nós! Usar a cultura como moeda política e non o imos facer!! Imos seguir sendo educados e respectuosos con quen non o é con nós nin coa nosa cultura, tentando demostrar que non todos somos iguais”.
“Só queremos que saiba todo o mundo que por esta causa, TradiSón adquire unha débeda económica de máis de 7500€ motivados de diferentes gastos xa pagados para o festival (voos dos grupos internacionais, material de produción para a execución do mesmo, etc…). Esta débeda fai poñer en perigo a vida de calquera asociación cultural como a nosa, pero nós seguiremos adiante mentres poidamos. Tamén dicir que para diferentes empresas do Val Miñor isto supón unhas perdas de ingresos directos de máis de 20.000€. Evidentemente chegados a este punto para nós, como asociación cultural sen ánimo de lucro, toda a axuda sería pouca… Pero non queremos pedir axuda, xa que fainos sentir que carece de fondo a nosa mensaxe, podendo mal interpretarse e pensar que buscamos beneficio económico desta situación. Estamos seguros que sairemos desta!”, continúan explicando nun comunicado.
“Podemos asegurarvos que o que máis nos doeu de todo isto foi faltar á palabra e ao compromiso pola nosa parte cos grupos que ían a asistir este ano… algúns entre lágrimas ao saber que nos facían afrontar unhas perdas tan grandes como poden ser os voos, sentindo a nosa dor como propia. E por último pedir desculpas a todas e todos vós, que case a diario preguntabades polo festival. Aquí deixamos o cartel que dende hai case un ano estaba pechado e non saíu a luz”, conclúen desde TradiSón.