O pasado xoves a Asociación Veciñal Castro e Ladeira de Sabarís tivo a oportunidade de presentarlle ao Equipo de Goberno do Concello de Baiona o proxecto “Cincuenta anos de educación sabaricense” co motivo de cumprirse o cincuentenario do servicio educativo a tres xeracións de sabaricenses, do CEP Sabarís. Asistiron a esta presentación polo Concello de Baiona, o Alcalde Jesús Vázquez Almuiña, a Concelleira de Deportes, Asuntos Sociais e Asociacionismo, Ana María Iglesias Rodríguez, e a Concelleira de Educación, Sonia Leyenda Gómez. E pola Asociación o seu Presidente Jesús Suárez Gándara, o Secretario, Eusebio Otero Solla, e a Tesoureira, Isabel Longueira Longueira.
A Asociación Veciñal Castro e Ladeira, por medio do seu Presidente, solicitoulle ao Alcalde o Patrocinio do Proxecto ao Concello de Baiona e ao mesmo tempo ofreceulle a Presidencia do devandito proxecto. A representación do Concello acolleuna con agrado aceptando a proposta da Asociación. Aproveitando a ocasión a Asociación Veciñal Castro e Ladeira puxo en coñecemento da Alcaldía históricas reivindicacións veciñais, como as deficiencias do saneamento da parroquia, onde hai núcleos de poboación que non teñen acceso á rede municipal, tamén a limpeza e mantemento de ambas as dúas beiras da Avenida da Foz do Miñor.
Así mesmo, insisten en facer un novo Regulamento para o desfrute do Multiusos Mercado de Sabarís que teña en conta a prioridade da parroquia de Santa Cristina, rompendo así a exclusividade do Concello na programación de eventos nas instalacións. E abundando neste tema puxeron de manifesto a “invisibilidade” á que están condenados ao non ter un local propio. O Concello mostrouse moi receptivo coas reivindicacións e comprometeuse a estudialas e buscarlle solucións dentro das súas competencias e posibilidades.

