Os Premios Nacionais de Vela recoñecen a Diego Botín e Florian Trittel como mellor proxecto olímpico da tempada

A tripulación de 49er formada por Diego Botín e Florian Trittel foi distinguida co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor proxecto olímpico da tempada, un galardón que se suma aos xa anunciados este ano e que se entregará na gala do próximo 2 de setembro no Monte Real Club de Yates.

Con 29 anos de idade cada un, o equipo formado por Diego e Florian é unha das grandes apostas da vela española para os Xogos Olímpicos de París 2024. En menos de dous anos competindo xuntos xa lograron posicionarse como unha das tripulacións favoritas do panorama internacional, e é que na súa primeira gran competición a parella española alzouse en Aarhus (Dinamarca) co título de campións de Europa da clase, en xullo de 2022. Fixérono, ademais, cunha vantaxe de 15 puntos sobre os segundos clasificados.

O título continental non foi, con todo, o seu único fito da tempada. Menos de dous meses máis tarde, o tándem Botín/Trittel volveu demostrar o seu potencial no Mundial de 49er ao alzarse coa medalla de prata en augas canadenses e este ano, hai apenas unha semana, subíronse de novo ao podio mundial coa medalla de bronce e logrando a praza de país para París 2024.

O seu espectacular rendemento durante a súa primeira tempada como equipo e os éxitos obtidos ata a data son os que levaron ao xurado que outorga os Premios Nacionais de Vela a recoñecelos como mellor proxecto olímpico do ano.

“É unha profunda honra recibir esta distinción”, declarou Trittel. “Que o Monte Real, a través dos Premios Nacionais, recoñeza a nosa dedicación tamén é signo de que estamos a conseguir alcanzar os nosos obxectivos”.

Nada máis coñecer a noticia, Trittel quixo destacar tamén que lle gustaría dedicar o premio “a todas as partes involucradas no éxito do noso proxecto deportivo, como as Federacións e o Consello Superior de Deportes, pero sobre todo a dúas persoas que teñen moito que ver cos nosos resultados e pouco recoñecemento adoitan recibir, que son os adestradores que nos están acompañando neste marabilloso camiño, que enriquecen esta experiencia e compleméntannos nas nosas debilidades: Álvaro Del Arco e Ero Pons”.

O galardón entregarase durante a gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda do próximo 2 de setembro, que terá lugar dentro da programación do 38º Trofeo Príncipe de Asturias que organiza o Monte Real Club de Yates.