
O Concello de Nigrán colabora coa celebración das festas de San Roque de Camos, do mércores 23 de agosto ao domingo 25, achegando 4.000 € a través da iniciativa “Música nas Parroquias”. Este programa municipal finánciase a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 40.000 € que se distribúen entre todas as festas patronais de Nigrán, ben para contratar bandas de música ou orquestras.
A festa de San Roque arranca no devandito torreiro este mércores con procesión e gaitas do Centro Cultural A Merced de Chaín e verbena a partir das 21:30 co grupo La Banda de Ayer e trío Tic-Tac. O xoves ao mediodía procesión e concerto coa Banda de Música do Val Miñor e a partir das 21:30 orquestra Los Magos e trío La Noche del Grove. O día 25 procesión ao mediodía co Grupo de Gaitas Malas Herbas, ás 17:00 as tradicionais poxas e pola noite orquestra Ritmo e trío Soprano.
“Volvemos colaborar coas entidades festeiras e veciñais para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González. O programa municipal “Música nas Parroquias” colaborou xa coas festas do Santísimo Cristo da Vitoria en Chandebrito e San Xoán de Panxón, San Pedro da Ramallosa, Santiago de Parada, Carme de Lourido, San Fiz de Nigrán (organizado integramente polo Concello), Virxe das Angustias, San Roque de Camos agora e, finalmente, será o Bo Xesús da Paciencia de Priegue.