O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA identifica os dous exemplares de candorcas que entraron na Ría de Arousa. O avistamento tivo lugar o domingo día 20 de agosto nas inmediacións da Illa de Sálvora polas persoas que participaban nunha actividade de Observación de Aves a bordo do barco Chasula. Os dous exemplares de candorca dirixíronse cara o interior da Ría pola súa cara norte, moi próximos á costa, estando na zona de Touro a menos de 200 m da liña da marea saíndo a última hora da tarde polas inmediacións de Noro.
Dende o Chasula deuse aviso a Salvamento Marítimo que mobilizou embarcacións de Garda Civil, Cruz Vermella e Club Náutico de Ribeira para facer seguimento, que alertaron ás embarcacións da zona, custodiaron que ninguén se achegara e informaron puntualmente a Salvamento Marítimo e a CEMMA da evolución dos cetáceos. A última hora da tarde un barco do IEO-CSIC comprobou que saían da Ría. Un operativo posto en marcha de xeito improvisado pero que deu os seus resultados evitando molestias ás candorcas e sen consecuencias do seu paso por Arousa.
Quen son?
A identificación deu resultados dado que o Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA ten un catálogo de FotoID composto de 35 exemplares da subpoboación Ibérica. Trátase do exemplar macho GAEL e do exemplar PRIOR. Ambos son irmáns. GAEL é un macho adolescente de dez anos e PRIOR é aínda xuvenil de seis anos, non sabemos con seguridade se é macho ou femia.
GAEL e PRIOR non foron observados nunca interaccionando cos barcos pesqueiros ou veleiros, é dicir, non son GLADIS, polo tanto non son as responsables da interacción co veleiro francés NIPOZO. O seu carácter é moi tranquilo e pacífico, como puideron comprobar os afortunados observadores que tiveron o enorme pracer de poder velos. Este ano foran observados nas augas do Estrecho de Gibraltar e GAEL entrou a principio de ano na costa marroquí cun sedal e un anzol cravado nun costado.
Estas candorcas pertencen a unha pequena comunidade denominada polo Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA como Comunidade E, composta por catro exemplares que neste momento non son observados xuntos.
Seguimento remoto
O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica-GTOA está rexistrando os encontros coas candorcas dende 2020, entrevistando aos navegantes e facendo pública a información. Puxeron en marcha unha web con mapas de risco (https://www.orcaiberica.org/en) e unha aplicación para telefonía móbil para que se poidan transferir datos de observación e interacción (GT Orcas).



