Sin categoría

Solpor Monteferro regresa este venres e sábado como despedida do verán nigranés

A música está de volta no mellor escenario do mundo, o miradoiro de Monteferro, coa sexta edición do Festival Solpor Monteferro. Trátase da primeira ocasión en que, ademais de en xullo, se celebra en agosto. Os protagonistas desta nova edición, que terá lugar o venres 25 e sábado 26 dende as 19:00 horas e de xeito gratuíto, serán: Visions of Johanna Band, Two Many Villains e Blue Monk na primeira xornada, e o músico madrileño Saguar, Family Folks e Tonichi e Pacheco na segunda.

Tal como xurdiu en 2017, o obxectivo permanece inalterado: gozar ao aire libre nunha contorna privilexiada, no miradoiro de Monteferro, un escenario de fronte ao Atlántico que regala as vistas máis impactantes. Neste enclave singular, diante das Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas do mar e da montaña, a caída do sol ofrece unha oportunidade para vivir experiencias musicais enriquecedoras.

Un xeito único de gozar dun concerto, prestando atención á nosa contorna e mergullándonos no ritmo das ondas e nas mellores actuacións en directo. Solpor Monteferro é unha experiencia musical para desfrutar con tranquilidade. Solpor Monteferro conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra. A cervexeira convida a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais nun entorno único que converte ao festival nunha experiencia musical para gozar sen présa e cos cinco sentidos.

O Concello de Nigrán, coa colaboración da Xunta de Galicia, quere destacar a beleza e a vivencia nun lugar tan espectacular como Monteferro, proporcionando ás bandas locais e emerxentes a oportunidade de promover o seu traballo no mellor dos escenarios.

Venres 25 agosto

Visions of Johanna Band 20.00 a 21.00
Two Many Villains 21.30 a 22.40
Blue Monk 23.00 a 00.10

Sábado 26

Saguar 20.00 a 21.15
Family Folks 21.30 a 22.40
Tonichi y Pacheco 23.00 a 00.00