O Nadir recibirá en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor barco do ano

Tras converterse en campión do mundo de ClubSwan42 en 2022, o Nadir do Club de Vela Puerto Andratx será distinguido en Baiona co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor barco do ano na gala que se celebrará o próximo 2 de setembro.

Armado e patroneado polo mallorquino Pedro Vaquer e cunha tripulación cento por cento española con regatistas da talla de Rayco Tabarés entre as súas filas, o Nadir impúxose con total autoridade no Mundial celebrado en Valencia o pasado ano. En total, os de Vaquer acumularon sete podios parciais nas dez probas disputadas, logrando facerse co título intercontinental cunha vantaxe de doce puntos sobre o segundo clasificado.

Pero o Mundial non foi o seu único gran logro da tempada. A vitoria na Copa do Rei MAPFRE de Palma e na Rolex Swan Cup de Sardeña permitiron ao Nadir pechar a tempada ao grande cunha tripla coroa, demostrando así o seu gran potencial nunha clase na que neste 2023 continúan cultivando triunfos.

A clave do seu éxito, tal e como declara Vaquer, débese a “unha tradición de navegación deportiva a vela pasada de pais a fillos. Se se puido competir exitosamente contra equipos internacionais foi por esa tradición e por poder formar un equipo de excelentes deportistas españois”.

O armador mallorquino será o encargado de recoller o galardón do Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor barco do ano na gala que se celebrará no Monte Real Club de Yates de Baiona o próximo 2 de setembro, dentro da programación do 38º Trofeo Príncipe de Asturias.

“Este premio recibímolo con satisfacción e orgullo”, declarou Vaquer ao coñecer a noticia. “Tomámosnolo como un recoñecemento dos éxitos conseguidos ao longo destes anos, especialmente polo logrado neste último, que non é máis que o froito dun esforzo colectivo de moitos anos”.