Os socialistas de Baiona lembran que os 105.000 euros concedidos pola Deputación de Pontevedra para reparar o muro da ex Colexiata de Santa María e a senda da parroquia de Baíña “foron solicitados polo goberno de Carlos Gómez á Deputación presidida por Carmela Silva”. A solicitude enviouse despois dos danos producidos polos temporais deste inverno e hai uns días o concello recibiu a notificación de que os fondos lle foron concedidos.
“No seu momento, pedimos tamén axudas á Xunta de Galicia para facer fronte aos danos e foron denegadas de forma tallante”, afirma Carlos Gómez Prado, portavoz dos socialistas de Baiona. O PSOE agradece a receptividade do anterior goberno da Deputación de Pontevedra ás demandas dos concellos da provincia.

