Un home faleceu esta tarde na Praia da Ladeira, en Baiona. Malia os esforzos para reanimalo, os servizos sanitarios nada puideron facer pola súa vida. Foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia ás 15:45 horas a fin de solicitar asistencia sanitaria para un home ao que acababan de sacar da auga na Praia da Ladeira, en Baiona. Tendido sobre a area, non respondía aos intentos de interacción por parte das persoas presentes no lugar.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, dos axentes da Policía Local de Nigrán e Baiona e dos socorristas da praia. Á súa vez, informouse ao persoal de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Finalmente, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou o falecemento da persoa.

