Nigrán decreta dous días de loito polo falecemento de María Luisa Gondell nun accidente de tráfico

O Concello de Nigrán lamenta o falecemento de María Luisa Gondell Soliño, orixinaria de A Cabreira (San Pedro de A Ramallosa), aínda que residente en Salvaterra de Miño, e os seus dous fillos onte en accidente de tráfico. Traslada ás súas condolencias a familiares e amigos e declara 2 días de loito oficial con bandeiras a media hasta.

A muller e os seus dous fillos perderon a vida a pasada noite despois de que batesen dous coches no punto quilométrico 6 da PO-510, en Salceda de Caselas. Ademais, outra persoa resultou ferida de gravidade no sinistro.

Segundo confirmaron os Bombeiros do Baixo Miño ao 112 Galicia, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento empregaron o material de excarceración para liberar a tres persoas atrapadas, dúas nun vehículo e unha no outro coche implicado.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás 22:00 horas e, axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Baixo Miño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Salceda de Caselas. Tamén, o persoal de Emerxencias 112 Galicia informou do sinistro ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

A pesar dos esforzos, os servizos de emerxencia nada puideron facer por salvarlle a vida ás tres vítimas. Por outra banda, a persoa que resultou ferida de gravidade foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.